Buscamos alguén con mentalidade de produto e capacidade de implementar esas decisións: entender como estuda a xente, detectar oportunidades reais e convertelas en tecnoloxía que funciona en produción.
Non buscamos alguén que peche peticións de traballo. Buscamos alguén que pense, propoña, constrúa, mida e mellore.
- React e TypeScript
- LLMs en produción
- Produto
- Nube
Que farías
Traballarías na intersección entre produto, enxeñaría e intelixencia artificial.
- Decidir que construír, non só construílo. Desde o primeiro día: entender problemas reais de estudantes, propoñer solucións, validar hipóteses e axudar a priorizar.
- Deseñar, desenvolver e despregar. Funcionalidades completas da plataforma, con responsabilidade real sobre o que sae a produción.
- IA xerativa en fluxos reais. LLMs, axentes, RAG e avaliación, pero ao servizo de decenas de miles de persoas: latencia, custo por usuario, calidade da resposta e que facer cando o modelo se equivoca.
- Infraestrutura que aguanta. Nube, escalabilidade, fiabilidade e velocidade de iteración. E participar nas decisións de arquitectura, non só executalas.
- Medir o que lanzas. Unha funcionalidade non está rematada cando se integra o código, senón cando sabes se serviu para algo.
Encaixas se
- Construíches cousas pola túa conta: produtos, ferramentas, automatizacións, experimentos con IA. Calquera cousa que demostre que sabes pasar dunha idea a algo que funciona. Impórtanos moito máis iso que onde traballaches.
- Interésache o produto tanto como a tecnoloxía: queres entender o problema e a experiencia, non só a implementación.
- Traballas con IA e tes criterio sobre como facelo: planificas, revisas o que sae e sabes cando a ferramenta te está levando polo camiño equivocado. Aquí úsanse a diario, coas subscricións pagadas por PROXUS.
- Tes criterio técnico, aínda que o esteas desenvolvendo aínda, gústache defender as túas ideas e cambiar de opinión rápido cando os datos din outra cousa.
- Motívate asumir responsabilidades cedo e medrar co proxecto. E atráeche a educación: isto úsano estudantes reais todos os días.
Quizais non é para ti se
- Buscas un posto onde che digan exactamente que facer cada día.
- Prefires tarefas moi definidas, sen meterte en produto nin en decisións técnicas.
- Resúltache incómodo aprender tecnoloxía nova cada pouco ou moverte na incerteza.
- Buscas un contorno moi corporativo e moi estruturado.
Como traballamos
- Responsabilidade desde o primeiro día. O que decides nótase no produto e nas cifras da semana seguinte.
- Tres días na oficina, e escóllelos ti. Construír man a man fai que as ideas non queden en ideas. Que días son e como os repartes, fálalo co equipo: se unha semana non pode ser, non pode ser.
- Horario flexible de verdade, nas dúas direccións. Aquí ninguén ficha ás nove. Hai quen entra ás oito e quen chega ás once despois do ximnasio. E si: haberá campañas, picos de traballo e algún domingo no que algo deixa de funcionar e hai que estar.
- A área medra contigo. Somos un equipo pequeno e o ano que vén seremos bastantes máis. O que levas faise máis grande segundo medra a empresa, e pode acabar necesitando un equipo. Cando pase, móntalo ti.
- Impacto que se ve na mesma semana. Miles de estudantes abren PROXUS cada mañá para aprobar algo que lles importa. Cando acertas vese deseguida. Cando fallas, tamén.
Que che damos
- As ferramentas que necesites. Subscricións de IA, o equipo co que queiras traballar e o que faga falta para non perder o tempo. Págao PROXUS e aquí ninguén ten que pelexar por unha licenza.
- Formación. Cursos, conferencias e libros. Se che serve para facer mellor o teu traballo, págao PROXUS.
- Vacacións flexibles. Cóllelas cando che veñan ben, sen pedir permiso con tres meses de antelación. O único que pedimos é que non coincidan coas dúas grandes campañas do ano, que é cando nolo xogamos todo.
- Encontros fóra da oficina dúas veces ao ano. Imos fóra con todo o equipo antes de cada gran campaña. De aí sae boa parte do que facemos o resto do ano.
- A oficina. O encerado onde se decide case todo, café, a neveira chea e xente ao lado á que preguntar sen abrir unha petición de soporte.
Salario
Entre 18.000 € e 28.000 € brutos ao ano de fixo, segundo o perfil, máis entre 10.000 € e 15.000 € de variable.
Poñémolo aquí para que non teñas que preguntalo. O variable non é unha lotaría: boa parte depende do que consigas ti.
- A metade do variable é de empresa. O mesmo obxectivo para todo o mundo, fundadores incluídos. Ou o conseguimos entre todos ou non o cobra ninguén.
- A outra metade é da área. Obxectivos de produto e desenvolvemento, os mesmos para todo o equipo: aquí non hai obxectivo individual. Non son anuais, dividímolos en trimestres ou meses e comunicámolos antes de empezar.
- O obxectivo non é o límite. Se superamos o obxectivo común, a bonificación sobe con el: un 50% máis, o dobre, ata onde cheguemos. Por iso o variable ten tanto peso.
- Revisión aos 6-12 meses. Sentamos, miramos como foi e axustámolo. Se á empresa lle vai ben, a ti vaiche ben: é literalmente a mesma conta.
